Editorial Xerais De Galicia
Colección Infantil E Xuvenil - Fóra De Xogo, Número 0
Fecha de edición abril 2015 · Edición nº 1
Idioma gallego
EAN 9788499148380
200 páginas
Libro
Dimensiones 130 mm x 210 mm
Un equipo de guionistas -tres mulleres e dous homes- recibe a encarga de escribir os guións dunha futura serie de televisión que se titulará As fronteiras do medo. Para concentrarse no traballo, acordan recluírse nun hostal solitario, nas terras da Fonsagrada. É inverno, no hostal só viven o matrimonio que o rexenta e mais outros tres hóspedes. Ao terceiro día, comeza a nevar. Unha tormenta que semella non rematar nunca, que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que os deixa illados do mundo. Mentres traballan nas historias da serie irán descubrindo que naquel hostal ninguén é quen aparenta ser e que un medo irrefreable comeza a filtrarse nas súas vidas.
A neve interminable é unha novela onde o misterio ocupa un lugar central. Nela explóranse os medos esenciais do ser humano e tamén aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século XXI. Un libro esencial na obra de Agustín Fernández Paz que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno.
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Profesor e escritor, desenvolveu unha ampla obra narrativa, na súa maior parte publicada por Edicións Xerais de Galicia, traducida e recoñecida cos máis importantes premios. Deuse a coñecer en 1989 co libro de contos "A cidade dos desexos" (última edición de 2023), o primeiro na colección Merlín de literatura infantil, da que foi fundador e codirector, ao que seguiron "As flores radioactivas" (1990), novela, Premio Merlín 1989; "Contos por palabras" (1991), relatos, Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992, seleccionado entre a centena de títulos considerados como os mellores da literatura infantil do século XX; "Rapazas" (1993), relatos; "Trece anos de Branca" (1994), novela, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; "Cartas de inverno" (1995, 2016), novela, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil; "Amor dos quince anos, Marilyn" (1995), novela; "O centro do labirinto" (1997), novela; "O laboratorio do doutor Nogueira" (1998); "Cos pés no aire" (1999), novela, Premio Raíña Lupa; "Aire negro" (2000), novela, Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; "No corazón do bosque" (2001), novela; "Un tren cargado de misterios" (2001), conto; "Noite de voraces sombras" (2002), novela; "A praia da esperanza" (2003), conto; "O meu nome é Skywalker" (2003), novela, Premio Barco de Vapor; "Tres pasos polo misterio" (2004), relatos; "Fantasmas no corredor" (2005), conto; "Corredores de sombra" (2006), novela, Premio Frei Martín Sarmiento; "O único que queda é o amor" (2007), relatos, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Premio Neira Vilas da AGE, Premio da AELG, Premio Frei Martín Sarmiento; "Lúa do Senegal" (2009), novela, Premio da AELG; "Valados" (2009), conto; "Non hai noite tan longa" (2011), novela, Premio Ánxel Casal 2011, Premio Losada Diéguez 2012 e Premio Irmandade do Libro 2012; "Fantasmas de luz" (2011), novela, Premio da Crítica Galicia 2012; "Desde unha estrela distante" (2013), conto; "A viaxe de Gagarin" (2014), novela, Premio Ánxel Casal 2015, Premio AELG 2015 e Premio da Crítica Galicia 2015; "A neve interminable" (2015), novela, Premio Frei Martín Sarmiento 2016 e "O soño do Merlo Branco" (2016), conto. Reuniu textos memorialísticos no libro "O rastro que deixamos" (2012) e os seus ensaios sobre a lectura en "Un mundo de palabras" (2017). A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas e algunhas delas en coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E da AELG (2009); e en 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award; en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como candidato ao Premio Nobel de Literatura.
|