María Solar (Santiago de Compostela 1970) é escritora e xornalista. Coordinadora de Cultura da Corporación Radio Televisión de Galicia e presentadora e directora do programa cultural da TVG Zigzag Fin de Semana.
Na súa formación académica mesturou as ciencias e as letras, licenciándose en Bioloxía e Xornalismo, e diplomándose en Maxisterio, ademais de ser especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. No ámbito xornalístico centrou o seu traballo na radio e na televisión, aínda que tamén colabora en prensa e revistas. Como escritora iniciou o seu percorrido con obras de ensaio divulgativo, como Ecoloxía na Aula (1997), O libro do noso mar (1999), e de ficción pedagóxica, como Boa sorte (2008) ou O tempo do revés (2008). O recoñecemento da crítica e do público chégalle da man da literatura infantil e xuvenil con títulos premiados e traducidos a varios idiomas, entre os que destacan: A verdadeira historia da mosca de tele (2012), As meigas de Lupa (Xerais 2012), Teño uns pés perfectos (2015), O meu pesadelo favorito (2015) ou Os nenos da varíola (2017). En Xerais publicou tamén a novela As horas roubadas (Xerais, 2016) e o libro infantil Quokka Moka (Xerais, 2019). En 2022 conseguiu o Premio Xerais de Novela coa obra A culpa (Xerais, 2022), e en 2023 quedou finalista do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Adeline (Xerais, 2024. Pódese seguir a autora en www.mariasolar.com, mariasolar2 e en Facebook.